lunes, 31 de octubre de 2016

 Versos de Carmen Blanco para nós

   

   O pasado 18 de outubro, o día da presentación de A Nosa Axenda, Carmen Blanco agasallounos coa declamación duns intensos e fermosos versos que hoxe compartirmos con vós. E a palabra rachou o silencio, e o seu son quebrou en min.




FILANTROPÍA FILÓXINA:
CONTRA A MISOXINIA E O SEXISMO
 
A metade do mundo  

  As mulleres somos a metade do mundo
   e somos tan imprescindibles como os homes
    Mulleres e homes xuntos movemos o mundo
    Mulleres e homes xuntos prolongamos a vida
    A irmandade do amor dos homes e das mulleres
    fará finalmente un mundo libre

IGUALDADE DE DEREITOS E RESPECTO ÁS DIFERENZAS 

Son desigual

Son singular e diferente
vida que se move
Non quero igualarme
a nada nin a ninguén
Son S M L
e son XXS e XXXL
Son sendo como son
desigual e distinta

HOMENAXE AO AMOR REAL:
AOS FEITOS DIARIOS DA LOITA POLA LIBERDADE FACENDO SERES LIBRES
(Palabras inspiradas pola miña nai que vive neste Lugo Norte)

Mans mais

Nai mai mans. Mans madres da vida boa. Mans leite alimento. Mans amor material. Mans de muller amorosas. Mans do traballo amantes. Mans da arte perfectas. Mans da beleza imprescindibles. Mans da liberdade indispensables. Mans da xustiza necesarias. Mans da paz pracenteiras. Mans da sabedoría sabias. Que dan o mellor. Que melloran o mundo. Magníficas mans nai.
 

POLA SOLIDARIEDADE INTELIXENTE:
CONTRA OS PREXUÍZOS XENÓFOBOS E RACISTAS 
Son humana
Son gallega
son xudía
son moura
son xitana
son ladina
son paia
grega
galega
castellana
maragata
bárbara
filistea
saharauí
sefardí
latina
hispana
sueca
suíza
portuguesa
turca
polaca
romanesa
celta
vasca
ibera
vigur
negra
india
branca
pel amarela
cor cobre
olivácea
paquistaní
kikuia
kurda
kikí
de aquí
de Castro
Garabolos
Albeiros
Frigsa
A Piringalla
A Milagrosa
das Gándaras
de Lugo
de alá
de París
cosova
congolesa
croata
ácrata
catalá
americana
armenia
mestiza
polar
pacífica
auroral
tropical
tépeda
nocturna
Son humana
e varío   
E son o mellor
de todo o que son

(Os poemas “A metade do mundo” e “Son desigual” están no libro Un mundo de mulleres, Mandaio, A Coruña, Biblos, 2011. “Son humana” é unha variación, feita para as persoas do IES Ánxel Fole, do poema “A Tota Paria Tota Excelencia” do libro citado. “Mans mais” pertence a unha obra poética distinta)