Alumnado de 3ºESO do IES Ánxel Fole galardoado co 1º Premio no Concurso de imaxes gráficas e pezas audiovisuais, con motivo do 25 de novembro
O venres 21 de novembro o noso alumnado galardoado no Concurso de imaxes gráficas e pezas audiovisuais impulsado con motivo do 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, recolleu o primeiro premio na categoría de alumnado de 3º e 4º de educación secundaria obrigatoria (ESO), de 1º e 2º de bacharelato (BAC) na modalidade "Audiovisual" co vídeo O amor é maxia. Os premiados foron Erea Buján López, Aitor López Barreiro, Arturo Méndez Vega, Nerea Rivera Lacoma, Heidy Rodríguez Pérez, Erea Teijeiro Piñón, Enrique Vázquez Núñez e Adriana Vidal González.
![]() |
| O noso alumnado premiado con Fabiola García, conselleira de Política Social e Igualdade. Imaxe recuperada do Portal da Xunta de Galicia |
O acto tivo lugar na Fundación Laboral da Construción en Santiago de Compostela. Foi a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, quen entregou os premios e felicitou o alumnado pola "calidade das propostas presentadas" e os "mensaxes lanzados" nos vídeos e carteis.
Sete centros máis foron os agraciados. Procedían dos concellos de Dodro, Vigo, Soutomaior, Allariz, Santa Comba, Pontevedra e Santiago de Compostela. Nós representabamos a Lugo e con moito orgullo.
Como as imaxes falan tanto como as palabras, ou máis ás veces, deixamos aquí un vídeo co momento da entrega.
O vídeo intégrase no constante e continuo compromiso do noso centro co tema da igualdade. Este proxecto partiu do obxectivo da desmitificación da expresión “O amor é maxia” vinculada ao mito do amor romántico. Hai un preocupante incremento da violencia de xénero nas parellas adolescentes. É nesta etapa de iniciación ás relacións de parella onde debe poñerse precisamente o foco. Hai que alertar sobre a maneira que temos de entender o amor influídos polo referente do amor romántico e os mitos dos cales se compón. Os principais obxectivos desta proposta foron:
• Deconstruír os mitos do amor romántico como sistema de prevención e erradicación da violencia de xénero en adolescentes.
• Fomentar un estilo de relacións máis saudables e igualitarias.
• Identificar os mitos do amor romántico que sosteñen as desigualdades de xénero.
• Promover a autoestima, o respecto e a comunicación.
• Infundir a consideración do amor como construción, non como un acto de maxia.
• Fomentar a autoestima, a autocrítica e a reflexión sobre a violencia de xénero.
• Rexeitar calquera tipo de violencia contra as mulleres.
• Fortalecer a confianza das vítimas e dar unha esperanza de saída.
Deixamos, por fin, o vídeo gañador:
ENLACES DE INTERESE:
- Portal da Xunta de Galicia: https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/019004/xunta-pon-valor-concienciacion-sensibilizacion-que-demostra-mocidade-galega-loita


