Que lles pasa ás princesas?, un conto pola igualdade
Educar na igualdade implica facelo desde todas as frontes. Os primeiros libros deixan unha profunda pegada na nosa memoria, como a relación que establecemos cos nosos fillos e fillas nesas lecturas. Foi a miña filla quen me propuxo escribir un conto para ilustralo. "Lembras cando os domingos vía as pelis de Disney unha e outra vez e ti chegabas e dicías que había que darlle a volta á cinta e poñías todo patas para arriba?".
Escribir este conto foi un exercicio de evocación do que sempre permanece. Francisco Castro, director da editorial Galaxia, apostou pola proposta e fíxoo real. Pois ben, está xa nas librerías para que poidades descubrir unhas princesas que andan bule que bule e ruxe que ruxe e que están cansas de facer sempre o mesmo.