martes, 11 de junio de 2024

III Jornadas de Igualdad

Entrevista a Esther Corral Díaz, catedrática, investigadora e directora do proxecto Voces de mulleres na Idade Media

 “(...) é enriquecedor, efectivamente, pero tamén require moito traballo e esforzo.”


RAÚL GAVIEIRO MONTERO

Sempre que se fala da Idade Media pensamos nos reis e os castelos, nos cabaleiros e as guerras, na Igrexa e as Cruzadas, e, de vez en cando, recordamos a literatura desta época: o Cantar de Mio Cid, as Cantigas de Santa María, as Coplas por la muerte de su padre... Ao vivir en Galicia tamén nos acordamos das cantigas de amigo, de amor, de escarnio e maldicir, pero no que nunca pensamos é na muller, a parte esquecida da historia. 

Por iso é tan importante a labor dos investigadores que nos descobren un camiño tapado, oculto, polo que antes non podiamos camiñar, pero agora si. Por iso, xente como María Esther Corral Díaz é tan importante. Por iso debemos darlle as grazas polo seu traballo e por concedernos o privilexio ao alumnado e profesorado do IES Ánxel Fole por participar nas nosas III Xornadas de Igualdade. Grazas porque, a pesar das responsabilidades e compromisos profesionais como catedrática de Filoloxía Románica na USC , acudiu ao noso centro. Grazas porque a súa implicación en máis de cincuenta proxectos como o congreso internacional In marsupiis peregrinorum, formar parte do Arquivo Galicia Medieval ou ser a directora do proxecto Voces de mulleres na Idade Media, fixo que hoxe en día coñezamos moito mellor a figura da muller na historia. Grazas por outorgarme o pracer de facerche esta entrevista. Moitas grazas por todo.
 

Sempre tiveches como vocación estudar Filoloxía Románica? E, se non é así, cando decidiches estudala e por que?

Pódese dicir que a miña vocación foi medrando paulatinamente. A verdade é que cando estudaba gustábanme diferentes campos e, en particular, materias como as matemáticas. De feito, cando cursei o meu bacharelato podíase combinar a opción dos estudos do ámbito das letras e das ciencias, e así o fixen. Logo cando cheguei xa ao curso decisivo antes da selectividade, xa optei definitivamente pola Filoloxía. O estudo do amplo espazo das linguas que descenden do latín abre moitas portas e perspectivas, e iso sempre me interesou. Non me gustaba reducir os estudos a un espazo determinado. Prefería abranguer a unha análise comparada das linguas románicas, ver en que se parecen e en que se diferencian, como se foron construíndo esas diferencias. Son moitos os puntos en común que teñen entre si, ao igual que a literatura románica na que se analiza o proceso evolutivo a partir de determinados centros que vertebraron a cultura europea. Despois de que o latín deixase de ser a lingua vehicular xéstanse as bases dos xéneros literarios modernos, da poesía, da novela, do teatro non só do territorio ibérico senón tamén de Francia ou de Italia. Indagar como, por exemplo, a lírica galego-portuguesa nace a partir duns contactos coa poesía que se estaba desenvolvendo alén dos Perineos, aos que se suma características propias, fascinoume ata hoxe. Non se pode analizar ningún movemento literario, xénero ou literatura nacional como compartimentos estancos, senón dentro do seu marco e da súa historia. E o mesmo acontece coa lingua, que é froito dunha evolución e dun marco lingüístico.
 

Como compaxinas a túa vida como profesora coa túa faceta de investigadora e escritora? 

Na universidade estamos obrigados a combinar docencia e investigación. É difícil porque actualmente coa falta de reposición de profesorado debemos impartir moitas materias, demasiadas, pero hai que facelo para non desatender aos alumnos, que non teñen culpa de que a administración non teña unha política de previsión. Impartir clase é algo que sempre me gustou. Antes de ser docente universitaria fun profesora de ensino medio en dous institutos de Lugo, o Lucus Augusti e Nosa Señora dos Ollos Grandes. Este inicio contribuíu a que sempre tratase de buscar no ámbito universitario unha certa empatía e participación no alumnado e non limitarme a impartir as típicas clases maxistrais de tipo expositivo. O contacto directo cos estudantes é unha faceta gratificante, na que na maioría dos casos se percibe un grande interese e gañas de profundar nos estudos. O labor investigador é máis persoal e permite mergullarse nos ámbitos que máis nos interesan e desenvolver proxectos como Voces de mulleres na Idade Media.

Como xurdiu a idea do proxecto Voces de mulleres na Idade Media? 

Fun consciente de que faltaba un estudo do papel das mulleres na Idade Media de xeito unitario, transversal, como dicimos agora, no que se analizasen as figuras non só desde os textos, senón tendo en conta o contexto histórico no que viven. Ao estar dando clase no máster de “Estudos medievais europeos” que oferta a Universidade de Santiago e no que participamos filólogos, historiadores e especialistas de historia de Arte, tiven contacto directo con colegas deses ámbitos. Algo que seguramente non sabedes é que os proxectos de investigación competitivos están dotados dunha fonte de financiación que nos permite organizar actividades de moi diferente tipo como congresos ou seminarios convidando a profesores de referencia para dar conferencias. Esta función divulgadora é unha das máis gratas, aínda que tamén o dirixir un proxecto implica unha forte carga burocrática, e este aspecto é menos atractivo, por non dicir ingrato. A administración obriga a elaborar uns extensos informes e unha xustificación de gastos ás veces desesperante.
 

Por que decidiches dirixir as túas investigacións cara a figura da muller nese período histórico? 

Cheguei ao estudo das mulleres a partir dunha recomendación da directora da miña tese. Propúxome varias liñas de investigación para abordala e eu escollín esta sen dubidalo un momento. Eran uns tempos nos que en Francia e en territorio anglosaxón se estaban publicando libros e traballos importantes, mentres que aquí, na Península Ibérica, apenas se iniciara esta vía. Presentei a tese de doutoramento e, aínda que houbo certos períodos de investigación, nos que me distanciei e atendín a outras parcelas, ao final volvín a este campo por ter moitos baleiros que cubrir.

Nese proceso de indagación, que aspecto sorprendente descubriches sobre o papel das mulleres na época medieval? 

Descubrín que as mulleres tiñan máis relevancia do que se pensa. A historia está en mans dos homes desde a Antigüidade ata case os nosos días. É algo que se sabe, pero non nos damos conta como isto repercute tanto na conservación dos textos como na mesma visión que se transmite da historia literaria e provocou a consolidación das ideas misóxinas que se transmitían desde o ámbito relixioso e lexislativo. A muller podía exercer poder a distintos niveis e tivo relevancia na súa época. Pensemos, por exemplo, na raíña Leonor de Aquitania a quen lle debemos que a primeira lírica en vulgar cultivada no Sur de Francia se estendese por toda Europa, ou, nas trobairitz, poetas do seu tempo que nos deixaron unhas cancións de amor dignas de parangonarse con mellores trobadores, pero que a tradición relegou e son aínda moi descoñecidas.

Como puxeches en marcha o proxecto? 

En realidade son dous proxectos. Primeiro, levei a cabo Voces de mujeres en la Edad Media: entre realidad y ficción, ao que nos referimos antes e no que se estudaba a muller como autora e como protagonista literaria en diferentes xéneros e áreas literarias. Foi un proxecto bastante innovador, porque ata o momento non había plans de investigación nos que se levara a cago un estudo interdisciplinar do ámbito feminino. O segundo proxecto, Voces, espacios y representaciones femeninas en la lírica gallego-portuguesa é, en parte, continuador do primeiro e é un proxecto coordinado coa Universidade de Barcelona. Nós, desde a Universidade de Santiago de Compostela, ocupámonos da poética galego-portuguesa, analizando non só o papel da representación feminina nos cancioneiros, senón tamén as figuras femininas históricas que tiveron implicación co seu cultivo apoiando a composición de textos desde as súas pequenas cortes.

Quen participa?

Participamos desde Santiago tres profesores do Departamento de Filoloxía Galega, J. Antonio Souto Cabo, Isabel Morán Cabanas e eu. Contamos, ademais, con Mariña Bermúdez Beloso e Miguel García-Fernández, especialistas de Historia Medieval, e Victoriano Nodar e Javier Castiñeiras, de Historia da Arte medieval. A este equipo galego, sumamos dúas profesoras moi relevantes de fóra do país que teñen unha dilatada traxectoria investigadora na nosa lírica Yara Frateschi Vieira, da Universidade Estadual de Campinas no Brasil e M. Ana Ramos da Universidade de Zürich. Ademais, engadimos persoal en formación como doutorandos que están facendo a súa tese sobre a materia do proxecto. É o caso de Araceli Luna Magariños, que está traballando nun tema de tanta actualidade como a violencia contra a muller que se reflicte nos cancioneiros.

Como fixeches para poñerte en contacto con todos os colaboradores?

No caso dos filólogos somos colegas que participamos a miúdo en seminarios, reunións científicas diversas, congresos e, ademais, somos amigos. Os historiadores e especialistas de arte son case todos eles ex-alumnos, con algunha excepción, cos que sempre mantiven unha boa relación e que, cando lles presentei o proxecto que quería levar a cabo, enseguida se implicaron e quixeron colaborar. A conexión coa Universidade de Barcelona foi curiosa. O primeiro proxecto de Voces femininas na Idade Media tivo tan boa acollida e difusión que un equipo da universidade catalá púxose en contacto con nós para abordar, como proxecto coordinado, o estudo da muller en toda a lírica trobadoresca europea. Éramos compañeiras da mesma área de Filoloxía Románica, pero non nos coñecíamos directamente.

Que supón colaborar con outras persoas na investigación? Traballar con investigadores doutros países, non resulta dificultoso? 

Non, en absoluto. Ao revés, é sempre enriquecedor, porque abre perspectivas e formas de traballo diferentes.

É un proxecto aberto ou xa están cumpridos os obxectivos marcados ao inicio? 

Están case cumpridos, pero sempre falta algo. Publicamos o ano pasado unha antoloxía titulada Mulleres medievais. Textos e imaxes na lírica galego-portuguesa, da que estamos moi satisfeitos. Neste momento estamos traballando na divulgación telemática, concretamente, na web do proxecto (womanandmedievalsong) na que queremos poñer a disposición do público as actividades realizadas, os traballos publicados (vai estar en acceso aberto a antoloxía da que veño de falar), e varias bases de datos que recollan o corpus de voces femininas das principais áreas europeas, e niso estamos.

A nivel persoal, ¿que supón este proxecto? 

Supón un reto, porque é máis complicado do que se pensa. Dixen antes que era enriquecedor, efectivamente, pero tamén require moito traballo e esforzo. 

Desde 2008 formas parte do equipo do Arquivo Galicia Medieval do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, como é formar parte deste equipo, tanto no teu papel de colaboradora como de directora dun proxecto? 

É outra faceta da investigación que levo a cabo. Co apoio da Xunta de Galicia, traballamos no Arquivo Galego Medieval que abrangue lírica profana, lírica relixiosa coas Cantigas de Santa María e prosa. Durante certo tempo formei parte do equipo da lírica profana e teño que dicir que o gran resultado foi poñer en rede para a súa consulta todo o corpus das 1671 cantigas. MedDB foi a primeira base de datos con buscas combinadas para especialistas e aínda hoxe segue a ser unha das máis consultadas. Logo pasei ao proxecto de Prosa galega medieval, cun repertorio de textos menor e diferentes características. Neses proxectos están contratados bolseiros que axudan a executar todas estas tarefas e que os nosos alumnos do Grao teñen interese en solicitar porque lles permite ter un apoio de financiación para facer a tese de doutoramento ou o mestrado de profesorado.

Que opinas sobre as referencias das mulleres nos libros de texto? Cres que na escola se dan referentes femininos? 

É un campo no que hai aínda moito traballo por facer. A escola reflicte en parte algunhas das eivas que atopamos cando empecei a mergullarme na investigación arredor das mulleres na Idade Media. Estúdanse ailladamente en moitos casos, sen constatar o labor das mulleres no contexto no que viven e no proceso no que se inscriben da toma de conciencia feminina. Antes de Christine de Pizan, a primeira feminista e primeira autora que vive da escritura en pleno século XIV, outras mulleres foron poñendo chanzos para que a muller fose independente e autónoma, enfrontándose ao poder masculino da época.

Por último, hai algunha mensaxe ou consello que nos queiras transmitir? 

Gustaríame trasladar o interese que ten aínda agora o estudo do ámbito feminino na Idade Media. Son dous campos, as mulleres e a Idade Media, que mostran máis modernidade que moitas das épocas que sucederon despois. Había liberdade para escribir sobre multitude de temas sen unha censura reprobatoria.